Poesía na carteira en A nosa terra diario

jueves, 31 de marzo de 2011

| | |
Poesía na carteira
 31.03.2011 | 09:25

Soa o piano de Art Tatum e dialoga con el o saxo de Ben Webster. Gozo coa fermosísima peza “My one and only love”. Daquela, atopo nun caderno unha tarxeta cuns versos de Xosé Miranda do seu libro As cidades mergulladas: “O poeta/ é un mineiro/ e baixo da terra/ busca o tesouro/ que o rochedo/ encerra”. E tanto que si. Non me deixan impasible estas verbas. E se falamos de poesía sinto que canto máis invisible, máis me gusta escribir sobre ela. Canto máis esquecida, máis preciso lembrala. Canto máis a ignoren, máis necesito poñerlle ás para que voe. Canto máis a agochen, máis desexo que vexa a luz. Cantas máis cadeas ou ferrollos lle poñan, máis chaves buscarei para liberala. Estando nestas cavilacións, entra pola miña ventá o gato poeta de Fran Alonso. Ese gato a quen non lle gustan os poemas rimbombantes , nin os pretensiosos, nin os aburridos. Ese que “non abriu un cabo e abriu a boca”. E o “gato poeta, togado, sentado, xurado, pesado, entregado, flipado” di que “un bo poeta leva sempre/ libros na maleta”. Deixando o de bo poeta, abro a miña carteira e dou con tres poemarios que, de seguro, lle gustarían ao gato, e moito. Por certo, este micho é o protagonista dun libro suxestivo e intelixente. Dun libro altamente recomendable: O meu gato é un poeta. Fran Alonso (Xerais/Sopa de libros). Unha agradable caixa de sorpresas para os que amamos a poesía. Ben, pois como dicía, reparo neses poemarios que me acompañaron ben tempo na carteira. Tres poemarios premiados en senllos certames. Un deles, de Juan Vicente  Piqueras, La hora de irse (Ed.Hiperión). O segundo, de Francisco X. Fernández Naval, Bater de sombras (Espiral Maior) e o terceiro, da mesma editorial, Neve, escrito por Lucía Novas. Leo no primeiro deles: “Yo sigo tus huellas./ Yo cruzo el desierto pisando tus pasos./Cuando llego al sitio donde me esperabas/ tú siempre te has ido y ya sólo quedan/ ascuas en la lumbre, los restos del día,/ reinos nunca vistos, tu olor recordado,/ inventado a penas (…)”.No seu libro, Fernández Naval escribe este poema: “Constrúes o que afirmas amar/ coa arquitectura sutil/ das palabras bastardas./ As palabras, / esas pantasmas,/ en aparencia mansas”. En Neve atopamos versos coma estes: “A tarde perdida, o clamor da fraga,/ o rechouchío./ A chave/ sinala o círculo./ Hucha,/ viaxa ata as fontes/ do pasado./ A ave sacode as súas ás”.
E un, que se emociona coa palabra poética cando é cálida, sente preto unha poesía directa, espida ás veces, que apunta á pel do ser humano. Poesía viva a que conteñen estes tres poemarios. Poesía que non se agacha, que rabuña nesa pel e deixa nela as súas pegadas, as súas feridas. Poesía que sacode para provocar reflexión. Poesía que reinventa espazos humanos recoñecibles, que te sitúa, verso a verso, en diversas direccións. Que amosa o estritamente poético. Poesía de verdade que non xoga a facer viravoltas e arranca as máscaras de quen se oculta na sombra da vacuidade. Poesía que fai chiscadelos para atraer os lectores ao seu carón. Poesía que é un pouco bruxa pero que se instala no cotián, que se move entre a esperanza e a desesperanza. Poesía que aloumiña e, pola contra, chega a bater contra as rochas do corazón. Poesía que che permite respirar para desacougarte decontino. Poesía que sinala a miseria dos comportamentos humanos e, tamén, intenta facer visible a luz da vida. Poesía-imán.
Poesía-clamor. Poesía-miraxe. Poesía na epiderme.
Tres libros diferentes pero vencellados pola paixón controlada da palabra intensa. Algo que un, como lector, agradece nos tempos que corren, azoutados por tanta atrocidade.
Pensado e escrito todo isto coas palabras que un precisaba escribir, hoxe tiña ganas de escoitar jazz. A necesidade de música é un fervoroso estado de ánimo. Calado o Cuarteto Tatum/Webster, volvo escoitar a Abe Rábade. Soa “Campo da estrela” e, cos ollos pechados, pérdome por este fermoso tema do seu disco Open doors. Unha delicia musical que paga a pena saborear. Cando remate, abrirei outra volta a carteira e novos poemarios virán  facerme compañía.

Fuente: A nosa terra diario
Con la tecnología de Blogger.